Café Denomínase café ao alimento consumido frecuentemente como bebida que se obtén por infusión a partir dos froitos e sementes do cafeto (Coffea), que contén unha sustancia estimulante chamada cafeína. Por extensión, tamén designa o lugar de consumo do mesmo, unha cafetería ou bistró.

O cultivo do café está moi estendido en numerosos países tropicais, principalmente Brasil, que produce pouco máis dun terzo do café que se consome no mundo. O café é un dos principais produtos de orixe agrícola comercializados nos mercados internacionais, e a miúdo supón unha gran contribución ás exportacións das rexións productoras.

Entre os anos 1998 e 2000 producíronse un total de 6,7 millóns de toneladas de café anualmente, e espérase elevar esa cifra a 7 millóns de toneladas anualmente en 2010.

A partir da semente tostada e molida elabórase a infusión coñecida polo mesmo nome. En Costa Rica, España, Portugal e Río da Prata é frecuente o consumo de café torrado ou torrefacto (tostado en presenza de azucre). Adoita tomarse como almorzo ou na sobremesa logo das comidas, e é unha das bebidas sen alcohol máis socializadoras en moitos países. Existen case tantas formas de preparar esta bebida como consumidores, pero a máis popular, separadamente de tomalo só, é a que leva leite, aínda que tamén se lle adoita engadir crema ou nata, leite condensada, chocolate ou algún licor. Sérvese habitualmente quente, pero tamén se pode tomar frío ou con xeo.